Daily Archives: 29 octubre, 2021

ESTE CURSO: DÍGOCHO EU METEOROLÓXICO!

Queremos a través da nova sección do Dígocho Eu dar un enfoque máis científico, didáctico e cultural ao noso proxecto, polo que cada mes ademais de poder seguir o programa de radio a través da páxina web tamén engadiremos a información meteorolóxica nun documento para poder ser consultada.

Igual no futuro o próximo home ou muller do tempo sexa un alumno ou alumna deste colexio. Nunca se sabe…

Este curso estamos de estrea no Dígocho Eu: o Dígocho Eu meteorolóxico.
O tempo meteorolóxico condiciona as nosas vidas, de xeito que saber que roupa imos poñer mañá ou se temos que coller o paraugas ou ir no coche porque chove, obríganos a estar pendentes del.
Este curso imos aprender no Digocho Eu cousas sobre o tempo e o clima, dous conceptos que seguro xa estudastes. E tamén nos imos atrever a facer prognósticos.
E se por culpa nosa algunha molleira agarrades, sempre podedes consultar na internet o tempo, nos dous organismos que o predín, un a nivel de toda España, a Aemet, e outro en Galicia, Meteogalicia.
Cando entrades e saídes do cole, non vedes uns aparatiños dentro dunha reixa? É unha estación meteorolóxica que mide as temperaturas, litros de chuvia e outros elementos. E eses datos, sabedes a onde van? Van á Aemet, temos no cole unha estación da Aemet. E de Meteogalicia, hai estación por aquí? Si, en Cespón, preto da igrexa.
Así por exemplo, gracias a estas estacións sabemos que esta semana do 25 ao 29 de outubro, a temperatura máxima en boiro rexistrouse martes e mércores en Cespón con 22o e a mínima marcouna a estación do cole o mércores con 6o. Luns aínda quedaron restos de inestabilidade da fin de semana anterior, polo que a estación de Cespón rexistrou só 5 horas de sol e a estación do cole contabilizou 0,4 litros de chuvia. O día máis soleado foi mércores, con 9 horas de sol en Cespón. Onte xoves chegaron xa cedo, pola mañá, as primeiras nubes asociadas a unha profunda borrasca noratlántica, que nos deixaron só 1 hora de sol, 38 litros de chuvia e un refacho máximo do vento de 49 km/h ata as 00:00 horas en Cespón, 23 litros no cole.
Esta semana cerramos o mes de outubro, e xa van dous de curso, parece que comezamos onte, e neste mes de outono por excelencia a estación de Cespón acumulou 178 litros de chuvia, a temperatura máxima que marcou foi de 29o e unha mínima de 5o, foron 169 as horas de sol e o refacho máximo do vento foi de 53 km/h.
E despois desta enchente de datos, aí vos vai a nosa primeira predición para os próximos días:


Para o día de hoxe venres
o magosto habíamos ter,
pero borrasca augafestas
foi e veuno suspender,
toda a finde deste Santos
ben auguiña havos de caer,

que con aletas para martes
ao cole habemos volver,
se truco e trato facer non podes,
de dicir non has esquecer:
Dííígocho Euuu!!!

Obras ampliación comedor escolar

Acabamos de recibir a confirmación, por parte da empresa adxudicataria, de que o próximo martes 2 de novembro darán comezo as obras de ampliación do comedor escolar do Centro a cargo da Consellería de Educación.

Tentaremos que interrumpa o menos posible as actividades escolares, pero algunhas si que sufrirán modificacións.

Durante as primeiras semanas da obra, quedan suspendidas todas as actividades dentro do edificio de primaria (si se manteñen no ximnasio e pabillón).

O servizo de madrugadores realizarase na aula de música (habilitarase unha zona co necesario) e o alumnado de infantil usuario do comedor terase que desprazar en autobús a Exipto (como están facendo os de primaria).

Este autobús terá un espazo reservado que debemos respectar desde as 13:00h ás 14:00h.

Á volta do comedor (15:30h), non deben aparcar na zona reservada ao bus na Avda. Compostela, posto que agora serán dous autobuses os que precisan aparcar aí.

CARACTERÍSTICAS XERAIS DA OBRA

Inicio: 2 de novembro.

Fin: previsión, finais decembro.

Os derrubes e obras máis aparatosas (ruidosas, desescombro…) realizaranse fóra de horario lectivo.

Características xerais da obra:

– Ampliación do espazo útil a máis do dobre do actual.

– Ampliación da zona de mesado para traballo/almacenaxe.

– 1 baño e 2 piletas máis (adaptadas a infantil).

– Un novo acceso directo desde o exterior.

– Presinstalación para un segundo lavalouzas e puntos de luz para nevera.

– Falso teito para mellorar a acústica.

TRABALLO PREVIO E DURANTE A OBRA

Unidade técnica de A Coruña: coordinar proxecto e execución.

Empresa: medición, presuposto, coordinarse coa dirección do centro e cumprir contrato.

Dirección do centro: facilitar organización, preparar os espazos e reorganizar servizos complementarios.

Persoal do centro: baleirar espazos afectados e adaptarse á nova estrutura.

Concello: colaborar con parte do mobiliario e adecuación de espazos.

Policía Local: velar polo correcto funcionamento do servizo de transporte escolar.

Anpa: organizar os servizos de madrugadores e comedor escolar.

Familias: colaborar coas características provisionais durante a obra (respectar zonas aparcamento buses, adaptarse aos novos espazos do servizo de comedor infantil e madrugadores).

SAÚDOS e desculpen as molestias que lles poidan ocasionar.

Volve… BAIA RADIO