ESTE CURSO: DÍGOCHO EU METEOROLÓXICO!

Queremos a través da nova sección do Dígocho Eu dar un enfoque máis científico, didáctico e cultural ao noso proxecto, polo que cada mes ademais de poder seguir o programa de radio a través da páxina web tamén engadiremos a información meteorolóxica nun documento para poder ser consultada.

Igual no futuro o próximo home ou muller do tempo sexa un alumno ou alumna deste colexio. Nunca se sabe…

Este curso estamos de estrea no Dígocho Eu: o Dígocho Eu meteorolóxico.
O tempo meteorolóxico condiciona as nosas vidas, de xeito que saber que roupa imos poñer mañá ou se temos que coller o paraugas ou ir no coche porque chove, obríganos a estar pendentes del.
Este curso imos aprender no Digocho Eu cousas sobre o tempo e o clima, dous conceptos que seguro xa estudastes. E tamén nos imos atrever a facer prognósticos.
E se por culpa nosa algunha molleira agarrades, sempre podedes consultar na internet o tempo, nos dous organismos que o predín, un a nivel de toda España, a Aemet, e outro en Galicia, Meteogalicia.
Cando entrades e saídes do cole, non vedes uns aparatiños dentro dunha reixa? É unha estación meteorolóxica que mide as temperaturas, litros de chuvia e outros elementos. E eses datos, sabedes a onde van? Van á Aemet, temos no cole unha estación da Aemet. E de Meteogalicia, hai estación por aquí? Si, en Cespón, preto da igrexa.
Así por exemplo, gracias a estas estacións sabemos que esta semana do 25 ao 29 de outubro, a temperatura máxima en boiro rexistrouse martes e mércores en Cespón con 22o e a mínima marcouna a estación do cole o mércores con 6o. Luns aínda quedaron restos de inestabilidade da fin de semana anterior, polo que a estación de Cespón rexistrou só 5 horas de sol e a estación do cole contabilizou 0,4 litros de chuvia. O día máis soleado foi mércores, con 9 horas de sol en Cespón. Onte xoves chegaron xa cedo, pola mañá, as primeiras nubes asociadas a unha profunda borrasca noratlántica, que nos deixaron só 1 hora de sol, 38 litros de chuvia e un refacho máximo do vento de 49 km/h ata as 00:00 horas en Cespón, 23 litros no cole.
Esta semana cerramos o mes de outubro, e xa van dous de curso, parece que comezamos onte, e neste mes de outono por excelencia a estación de Cespón acumulou 178 litros de chuvia, a temperatura máxima que marcou foi de 29o e unha mínima de 5o, foron 169 as horas de sol e o refacho máximo do vento foi de 53 km/h.
E despois desta enchente de datos, aí vos vai a nosa primeira predición para os próximos días:


Para o día de hoxe venres
o magosto habíamos ter,
pero borrasca augafestas
foi e veuno suspender,
toda a finde deste Santos
ben auguiña havos de caer,

que con aletas para martes
ao cole habemos volver,
se truco e trato facer non podes,
de dicir non has esquecer:
Dííígocho Euuu!!!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *