Daily Archives: 25 enero, 2017

JOSÉ LUÍS GALLEGO IMPARTE EN SANTIAGO DE COMPOSTELA UNHA CHARLA DIVULGATIVA SOBRE CONSUMO RESPONSABLE E RECICLAXE

 

  • Organizada e promovida polo Instituto Galego de Consumo e da Competencia, terá lugar o vindeiro luns, 30 de xaneiro, ás 12:00 horas, no Salón de Graos do Instituto Galego de Vivenda e Solo (Área Central).

 

  • Dirixida a todo tipo de público, constitúe unha excelente oportunidade para tomar boa nota das prácticas a instaurar na nosa vida cotiá para consumir dunha forma máis sensata, racional e coherente, tanto a nivel medioambiental como económico.

 

  • A xornada eríxese, ademais, nunha excelente oportunidade para enriquecer os programas de educación ambiental instaurados nos centros escolares que teñen apostado de forma decidida por contribuír á protección do contorno e á mellora do benestar e calidade de vida das actuais e xeracións futuras.

 

  • Cunha longa traxectoria no ámbito da divulgación ambiental, Gallego foi considerado como unha das dez personalidades máis influíntes de España en temas de medio ambiente polo diario “La Vanguardia”.

 

Invitado polo Instituto Galego de Consumo e da Competencia, o célebre  naturalista e comunicador ambiental José Luís Gallego, impartirá  ás 12:00 horas do próximo luns, 30 de xaneiro, no Salón de Graos do Instituto Galego de Vivenda e Solo (Área Central), en Santiago de Compostela, unha charla divulgativa que, baixo o título “Os residuos non son lixo, por qué é importante reciclar”, dirixirá a todo tipo de público co fin de fomentar as boas prácticas no consumo responsable.

 

Con tal fin, Gallego proporcionará as claves que deben rexer unha compra responsable, racional, sensata e coherente desde a dimensión ambiental e económica, que teña por obxecto producir menos lixo, á vez que insistirá na necesidade de poñer en práctica o principio dos tres erres como cimento fundamental de todo sistema de xestión de residuos: reducir a produción dos mesmos; reutilizar ao máximo os produtos para alongar a súa vida útil; e separalos por tipoloxías unha vez convertidos en refugallos, depositando cada fracción no contedor correspondente: amarelo, para latas, briks e envases de plástico; azul, para envases de cartón e papel; iglú verde, para envases de vidro; recipiente específico para pilas; e contedor verde convencional, para fracción resto.

 

Facer unha lista da compra, incorporando á mesma o realmente necesario, diferenciar claramente data de caducidade de consumo preferente, levar  a nosa propia bolsa ao supermercado, priorizar a adquisición de artigos a granel, rexeitar os sobreembalados e optar por aqueles que se comercializan en envases reutilizables, constitúen, entre outros, algúns xestos que poden axudar en gran medida a diminuír a xeración de lixo, tendo en conta de que o mellor residuo é o que non se produce.

 

A xornada, que se aventura amena, divertida, clarificadora, reflexiva e moi ilustrativa, constitúe unha excelente oportunidade para enriquecer os programas de educación ambiental instaurados nos centros escolares que teñen apostado de forma decidida por contribuír á protección do contorno e á mellora do benestar e calidade de vida das actuais e xeracións futuras.

 

TODA UNHA AUTORIDADE EN MEDIO AMBIENTE

 

Considerado como unha das dez personalidades máis influíntes de España en temas de medio ambiente polo diario “La Vanguardia”, José Luís Gallego foi distinguido en numerosas ocasións con diversos recoñecementos e premios.

 

Activo colaborador dos principais medios de comunicación do noso país, o seu labor céntrase en promover a participación dos cidadáns no coidado e mellora do medio ambiente. Ten publicado máis de 20 libros de divulgación ambiental coas principais editoriais a nivel nacional, e é director, presentador e guionista de documentais e series de natureza e medio ambiente. A súa presenza en radio tamén é destacable, sector no que leva 25 anos, podendo escoitalo actualmente  todos os venres no programa “Julia en la Onda”, que dirixe e presenta Julia Otero en Onda Cero.

 

A día de hoxe tamén desempeña unha gran actividade como blogger en diversos medios dixitais e páxinas web, podendo ler cada semana as súas reflexións persoais sobre a situación do medio ambiente no blog Ecogallego.

 

En definitiva, toda unha autoridade no ámbito medioambiental que paga a pena escoitar para descubrir todo o potencial humano que cabe na preservación do contorno, a xestión sostible dos residuos e a loita contra o cambio climático.

 

Prégase confirmación de asistencia a través do presente correo electrónico ou ben chamando ao teléfono 881 999 075.

 

Patricia Fernández López

Directora Técnica da Escola Galega de Consumo

  1. Gonzalo Torrente Ballester, 1-5 baixo

15707- Santiago de Compostela

Tf.: 881 999 091

patricia.fernandez.lopez@xunta.es

Síguenos en facebook: https://www.facebook.com/escolagelgaconsumo