Archivos día 22 noviembre, 2016

FORO ECOLÓXICO DE BOIRO

Hoxe en día, nun mundo cada vez máis globalizado, nacen por diversos currunchos iniciativas de colaboración cidadá, xa ben en forma de asociacións máis ou menos formais, xa ben en forma de actividades puntuais.

O foro ecolóxico de Boiro naceu dos encontros entre persoas que se coñecían e que compartían uns intereses comúns: alimentarse de xeito máis natural, equilibrado e sempre que fose posible con autoprodución ou produción local; aprender ou recobrar de quen o facía hai anos como cultivar as terras con respecto e seguindo os ciclos da propia natureza, sen forzala ou acelerala con produtos químicos; aprender a facer cousas para nós e por nós mesmas e rexeitar o consumismo desaforado que nos domina. Son estas, e moitas outras arelas, as que serven de alicerces para o proxecto, un camiño lento e de longo percorrido que iniciamos. Ese grupo de persoas, diferentes en moitos aspectos e iguais noutros tantos, falou, intercambio ideas e propostas e decidíu que o mellor xeito de facelo era fundar unha asociación. Así naceu unha nova entidade sen ánimo de lucro no concello de Boiro e na comarca da Barbanza, na que quen queira participar, aínda que sexa poñendo un gran de area, é benvido.

https://www.facebook.com/foroecoboiro/

A nosa actividade ramifícase, de momento, nos seguintes aspectos: grupo de consumo, feiras, formación e actividades de (re)coñecemento da contorna e dos seus recursos.

Todos eles están enfocados a conseguir que as persoas se impliquen na conservación, valorización e mellora do mundo no que vivimos. Todo isto desde o respecto ás persoas, ao medio urbano e rural, aos coñecementos e saberes de hoxe e de onte. A nosa maior ansia é que cada individuo, que por si mesmo pode non ter forza nin capacidade de mudar a sociedade, se xunte cos seus veciños, coas persoas coas que comparte espazo e tempo vital e traballe día a día, paso a paso, por vivir mellor e de xeito máis xusto e respectuoso con todo o que o rodea. A tardanza en ver os froitos desta colleita pode desanimar a moitos, pero os cambios levan tempo para que, igual que unha semente, collan forza e medren ata dar os seus froitos.

Esperamos que desde as xeracións máis vellas, depositarias de tantos saberes que non deben perderse, ata as máis novas, que son coma as leiras que debemos coidar con agarimo e encher de sementes que frutificarán, vaian deixando un pouso neste camiño e que dure moitos anos. E tamén saber compartir este traxecto con outras asociacións, entidades e empresas que teñan obxectivos compartidos e que poidan achegar a súa experiencia, recursos e ideas para complementar e mellorar  esta iniciativa.